Sunday 05 de May de 2024

As axudas para que entidades sociais apoien e asesoren mulleres vulnerables superarán o millón de euros tras o aumento no orzamento publicado no DOG


― Avalará iniciativas a desenvolver entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024

― As accións centraranse na atención, asesoramento, formación, conciliación e tratamento da saúde das vítimas da violencia de xénero e outras mulleres especialmente vulnerables como refuxiadas, inmigrantes ou reclusas

― O Goberno galego financia estes apoios con cargo ao 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas correspondente a Galicia

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar un incremento de 350.365 euros no orzamento das axudas coas que a Xunta apoiará programas de entidades sociais para impulsar o liderado da muller, o apoio ás mulleres en situación de especial vulnerabilidade e a loita contra a violencia de xénero. Deste xeito, este programa de apoios contará cun investimento global que supera o millón de euros.

O Goberno autonómico publicou en setembro estes apoios cun investimento inicial de 744.250 euros, con cargo ao 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) correspondente á Comunidade, que agora se amplía con outros 350.000 euros, para financiar estas axudas dirixidas a entidades sociais que traballan con mulleres que se atopan en situación de vulnerabilidade: vítimas da violencia de xénero ou doutras violencias, en situación de explotación sexual-laboral ou de trata de persoas, inmigrantes, refuxiadas, reclusas, integrantes de minorías étnicas, etc.

No marco destas actuacións, apoiaranse accións de aloxamento, acollemento, atención e asesoramento, formación e información para o liderado da muller, e propostas que incidan na conciliación. Poderán recibir financiamento, por outra banda, programas de tratamento integral para vítimas da violencia de xénero, os que promovan a súa protección e seguridade, así como os que incidan na saúde.

O período para que as entidades beneficiarias desenvolvan os seus programas irá do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2024.